Wednesday 01 de May de 2024

O 112 recomenda que a familia residente no muíño de Riolimpo (Naraío) non pase a noite no inmoble


Augas de Galicia confirma o alto risco de derrubamento da presa do río Castro

A concesionaria do salto abriu o aliviadoiro da canle para tentar reducir a cantidade de auga represada

A empresa Hidroeléctrica Río Castro abriu o aliviadoiro da canle que abastece a minicentral eléctrica, co obxectivo de reducir antes da chegada das chuvias a cantidade de auga acumulada no encoro. Esta mañá o río seguía pasando por riba da estrutura (algo normal no inverno) pero con menos forza ca onte, o que deixou ver con maior nidieza que case a metade do contraforte se encontra seriamente danado. Un técnico de Augas de Galicia inspeccionou esta mañá a zona e confirmou o alto risco de derrubamento. Neste sentido, o 112 contactou a media tarde co Concello para solicitar que fixese as xestións necesarias para comunicarlle á familia residente nun antiguo muíño situado no lugar de Riolimpo (a uns 750 m da presa) a conveniencia de que, por precaución, non pernocte no inmoble.
Desde o Concello de San Sadurniño vólvense recordar as recomendacións lanzadas onte tan pronto se lanzou a alerta desde a AXEGA. A principal é que ninguén se achegue á fervenza do Castro, xa que o aliviadoiro da canle verte directamente no carreiro de acceso e, ademais, nese punto encaixado entre penedos sería por onde a riada discorrería cun maior caudal e velocidade.
Por outra banda tamén se pide que ningunha persoa se aproxime ao lugar onde se encontra a minicentral, por tratarse do primeiro sitio aberto onde se producirían rebordamentos do río.

Por este mesmo motivo tampouco se debe percorrer o sendeiro do Castro en ningún dos seus tramos, sobre todo o comprendido entre a Ponte da Ferraría, o Batán e Riolimpo, que discorre pegado ao cauce.

Todas estas recomendacións fanse ante o perigo real de que unha eventual rotura da presa produza o crecemento súpeto do nivel da auga, que podería vir acompañado do arrastre de lodos, area e outros materiais.